De como augar a festa

Hai quen define o carácter dos galegos como morriñento e reservado, pero calquera que coñeza Galicia e os seus costumes sabe ben da súa tendencia innata á algueirada, aparellada usualmente ó bo xantar. Ruadas, foliadas e romarías, case sempre hai unha excusa para a troula; pero, aínda que festexamos e festexamos, hoxe, Día das Letras Galegas, hai quen levanta a súa voz, amarga, deixando nun segundo plano a súa esencia: a conmemoración dunha loita secular, que segue en pé, na procura de preservar a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade.

O motivo da disconformidade é a elección do persoeiro ó que este ano se lle adica a xornada. Trátase dun mestre, Xosé Fernando Filgueira Valverde, incuestionablemente douto, pero cunha clara vocación política que o levou a ocupar a alcaldía da súa cidade natal, a de Pontevedra, durante unha das épocas máis escuras para Galicia e para os galegofalantes. Ser rexedor dende o 1959 ata o 1968 fai que, para moitos, o seu traballo na prol da divulgación do noso quede invalidado.

Entre as voces críticas, destaca a do actual rexedor de Pontevedra; pero tamén mostraron a súa disconformidade distintas entidades, como A Mesa Pola Normalización Lingüistica, que acordou organizar actividades alternativas, ou a asociación de escritores en galego. Todos eles consideran inapropiado que se lle outorgue dito recoñecemento a quen ocupou cargos de responsabilidade política durante o franquismo.

En todo caso, o compromiso político de Filgueira Valverde, non se circunscribe unicamente a aquela época, senón que é anterior e posterior. Os pactos coa esquerda foron os que o levaron a abandonar o Partido Galeguista, o primeiro no que militou, para pasar, en 1935, ás filas da Dereita Galeguista. Case medio século despois, e morto Franco, ocupou a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, dende a que defendeu a importancia do bilingüismo no ensino. Foi durante o primeiro goberno de Gerardo Fernández Albor.

En 2014, o plenario da Real Academia Galega, entidade da que el mesmo formou parte dende 1942, acordou, pola mínima, adicarlle o Día das Letras Galegas ó vello profesor. Entre os méritos que se lle atribúen a quen fora mestre nas cidades da muralla e do Lérez, están a súa tenacidade para impulsar a preservación dos tesouros materiais de Galicia, a través do Museo de Pontevedra, que dirixiu durante décadas. A el débese tamén unha extensa obra de carácter divulgativo, a través da que afondou no coñecemento de autores tan senlleiros como Castelao ou Rosalía; amais doutros estudos, como os que firmou sobre a épica medieval ou a toponimia de Galicia. Foron uns trescentos traballos e milleiros de artigos.

O seu interese pola investigación e por dar a coñecer o noso espertou cedo e, con tan só 17 anos, cofundou o Seminario de Estudios Galegos. Posteriormente, foi membro da Real Academia da Lingua, dirixiu o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, presidiu o Consello da Cultura Galega, dende 1990 ata o seu pasamento en 1996, e integrou outras moitas organizacións e entidades.

Licenciado en Dereito, doutorado en Filosofía e Letras, e diplomado en Psicoloxía, o certo é que o seu compromiso con Galicia foi fondo, algo que, xunto coa súa traxectoria política, contribúe a que a figura de Filgueira Valverde non deixe lugar á indiferencia.

Anuncios

Un comentario en “De como augar a festa

  1. Moi bo artigo, Carmen, gustoume moito. O Día das Letras Galegas finalmente convertiuse nunha ferramenta de confrontación política e nun medio para aliviar conciencias, que triste.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s